Sede electrónica Ayuntamiento de Mazaricos

05:46:37 Domingo 4 de octubre 2026

Información

SECRETARÍA

01/10/2026

Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística

EXP: 2026/X999/000048

De conformidade co previsto no artigo 133.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, co obxectivo de favorecer a participación da cidadanía no procedemento de elaboración das normas, con carácter previo á elaboración do proxecto da ordenanza municipal reguladora do uso do galego no Concello de Mazaricos solicítase a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas pola futura norma acerca dos seguintes aspectos:

  1. Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa.

  2. A necesidade e oportunidade da súa aprobación.

  3. Os obxectivos da norma.

  4. As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

A cidadanía, as organizacións e as asociacións que así o consideren poden facer chegar as súas opinións sobre os aspectos anteriormente expostos durante o prazo de 20 días, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación do presente anuncio no portal web municipal, mediante a súa presentación en calquera dos lugares indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A continuación ofrécese información sobre o proxecto normativo para facilitar a súa comprensión e valoración.

a) Problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa:

Coa aprobación desta ordenanza preténdese resolver a carencia dunha disposición de carácter xeral propia que desenvolva a lexislación vixente na materia e que impulse e regule o uso normal e oficial do galego no ámbito municipal, para avanzar no proceso de normalización lingüística e garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.

b) Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

As entidades locais galegas teñen atribuídas competencias en materia de normalización lingüística. A lexislación vixente na materia atribúelle ás administracións locais a obriga e a responsabilidade de contribuír ao proceso de normalización da lingua galega e garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.

O Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 dispón no artigo 5 que o galego é a lingua propia de Galicia, que os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e que todos teñen o dereito de coñecelos e usalos. Dispón, así mesmo, que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en todas as ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

A Lei de normalización lingüística de Galicia, no artigo 5.4, establece que a Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego e as corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei. E en virtude do disposto naquel precepto legal, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, que dá cumprimento ao mandato estatutario.


 

Esta ordenanza responde á necesidade de impulsar e regular o uso da lingua galega no Concello de Mazaricos a través dunha disposición de carácter xeral propia que desenvolva a lexislación vixente na materia e que garanta e promova o dereito a utilizar a lingua galega nos distintos ámbitos municipais.

c) Obxectivos da norma:

A futura norma responderá aos seguintes obxectivos:

- Garantir e regular o uso normal e oficial da lingua galega no Concello de Mazaricos.

- Garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.

- Fomentar o emprego do idioma galego no ámbito municipal.

- Establecer a responsabilidade do Concello de Mazaricos no impulso institucional do idioma galego, na mellora da calidade lingüística e no uso dunha linguaxe democrática e inclusiva.

- Establecer os obxectivos e as funcións do Servizo de Normalización Lingüística.

d) Posibles solución alternativas regulatorias e non regulatorias:

As ordenanzas e regulamentos municipais constitúen a manifestación da potestade normativa das entidades locais. O desenvolvemento da lexislación estatal e autonómica por parte das entidades locais levarase a cabo necesariamente a través da potestade regulamentaria municipal, que se materializa mediante ordenanzas e regulamentos. Trátase, pois, da única opción regulatoria da que dispón o Concello para o desenvolvemento normativo da materia de referencia.


 


Justificantes de Publicación: